viernes, septiembre 22, 2006




O FEIRON DE ARTEIXO. Onte foi día 21 e como todos os días 21 do mes hai feira e das gordas. Alá me fun eu coa esperanza de mercar uns leitóns, unhas restras de allos, unhas galiñas chocas e sobretodo coa intención de comer algo de polvo á feira, deliciosa gastronomía galega. Chegándomos alí atopome con un feirón dos gordos, dos que andas todo o día e non mercas nada porque pensas que noutro tenderete aínda podes atopar o produto algo máis barato.
O único que lle faltaba á feira, a parte do polvo galego, eran os animais. Habelos habíaos, pero de condición humana. Animais irracionais non vos había co cal tiven que deixar as miñas intencións de formar unha granxa de biungulares para outro momento.
O lugar é sitio recomendábel se viaxas por Kyoto no citado día 21 ou tamén no 25 na feira de Kitano Tenmago. Aquí podes atopar todo tipo de vestiduras antigas e modernas, kimonos, iucatas, zapatos deses de madeira, dos incómodos e dos que nunca permitirán facer crimes con nocturnidade (o barullo que meten os cabrós!); tamén hai accesorios decoratorios, fotos vellas, libros, mobles antigos, trangalladas inúteis para amantes da quincallería, moedas antigas, gastronomía xaponesa, especiais, infinitas variedades de tes, úteis ferreteiros, armas antidiluvianas, apeiros de labranza, etc etc etc. Na foto tedes o lugar da feira, sito ao lado dun fermoso templo budista e coa via do shinkanse pasando ao seu carón. (Nunha das fotos podese ver arriba o tren a pasar a toda velocidade).