miércoles, septiembre 27, 2006

NOVO PRESIDENTE NO XAPON, SHINJO ABE. Pois si, temos novo presidente no Xapon aínda que o conto continúa. Os ignorantes xaponeses escollen de presidente un home que ten como primeira proposición modificar a constitución do seu país, pasando do pacifismo a un "pacifismo activo", eufemismo co que Abe pretende esconder a malsoante "guerra" ou soltar petardos a destra e sinistra. Abe xa recoñeceu que a súa ideia perante ás provocacións de Korea do Norte non é outra que a xa coñecida "guerra preventiva", un par de misilitos e para casa cos deberes feitos (terá que esperar porque os yankis non están para moitos gastos con iso do "ataque preventivo" en Iraque). Abe é coñecido en Xapón como o "principe" polos seus esquisitos modais. Pero máis que príncipe na Europa chamámolo "falcón", rapiña que se acubillaba nas saias do rockeiro Junichiro Koizumi e que promete levar a cabo as ideas do predecesor e mesmo radicalizadas. Os xaponeses amosan unha vez máis o descoñecemento da historia cando elixen de presidente a un home aínda máis radical e ultranacionalista que o Elvis Koizumi, pois xa este mostrara o seu talante cizañento visitando unha e mil veces o templo sintoista de Yasukuni, lugar onde se reza pola alma dos xaponeses mortos en combate (aí se pudran) e tamén por uns vinte ou trinte criminais de guerra. Chineses e koreanos do norte e do sul xa fixeran saber o seu noxo diante dese talante tan ofensivo pero don erre que erre. Para poñer un exemplo, é como se o chanceller alemán vai visitar a tumba de Adolf Hitler levando na man un ramo de flores. Esperpentico. Un país que ignora a súa historia xamais poderá acadar o perdón dos povos ofendidos, Alemaña aprendeu a lección, Xapón aínda non (Abe afirmou que "xa basta de pedir perdón e levar a cabeza gacha").
Aínda será cedo para percibir os cambios pero eu xa notei unha serie de detalles que me chamaron a atención: simple coincidencia ou sutil amaño. Nos telexornais da uniformada televisión xaponesa (un horror) non sei porqué pero ultimamente están a poñer sen vir a conto novas sobre maniobras bélicas dos exercitos americanos, rusos, chinos, etc, por que seraaaá? Outra cousa, o luns fixen viaxe a Amano Hashidate (máis adiante) e outra coincidencia, na estrada comboios de "pacíficos" camións militares e no mar barquitos cañoneiros coa súa diversa trangallada; todos xuntos: por que seraaá?
Rajoy Aznar, Mariano Jose Mari, Abe Koizumi, Shinzo Junichiro, a mesma pantomina, o marionetismo ao poder oculto na sombra do "todo vale e non dou a cara, pero ai de ti como non me escoites". O Xapón segue moralmente á deriva.